texto

Este é o proxecto de Claudia, Elena e Ruth, rapazas de 2º da ESO que, apoiadas polos seus compañeir@s e dirixidas por Almudena queren demostrar que as matemáticas están presentes en cada momento das súas vidas.

luns, 2 de febreiro de 2015

Uns e ceros




O pasado día 16 de xaneiro os nenos e nenas de segundo da ESO foron visitar unha exposición chamada "Uns e ceros",de Ignacio Uriarte, que se expón dende o 24 de outubro no museo Marco. É unha exposición baseada na súa vida cotiá como oficinista nunha empresa multinacional.

Este artista, farto da rutina do día a día, creou estas obras coa intención de que os espectadores sentísemos a pesadez do traballo coma se fósemos un oficinista máis, sentindo a angustia e o cansazo de facer todos os días o mesmo.




A obra de Ignacio Uriarte (1972) céntrase no uso das ferramentas e das actividades rutinarias habituais de calquera oficinista, como escribir sucesións de uns e ceros de varios grosores e tamaños coas máquinas de escribir; arranxar follas dun caderno, encadear clips, etc. Esta obra foi acometida polo artista entre os anos 2008 e 2014. O artista aprópiase destes actos no que el mesmo denomina “Arte de oficina”, empregando esa monotonía diaria que se traduce na culminación da súa obra coma se todo fose sempre o mesmo, branco e negro, ceros e uns.... Os seus traballos van dende debuxos nos que plasma as diferentes gamas dun cartucho de tinta como diferentes puntos de diferentes máquinas de escribir a debuxos con liñas que mostran os diferentes grosores dun grafito pasando por un audio dicindo sen parar os números do un ao seiscentos sendo cada sílaba un segundo. 
Círculos, liñas, sobres, cadernos, compases, regras, etc. Detrás de cada peza do artista existe unha profunda reflexión sobre o
propio tempo que dedicamos a estes actos, sendo sempre da mesma forma e iguais, monótonos.

En palabras do artista “Cando deixei a miña vida de empregado administrativo para dedicarme de cheo á arte, deime conta de que a liberdade adquirida implicaba unha gran responsabilidade". De ningunha maneira quería abusar da arte para lograr unha liberación persoal que me asimilase o artista cliché, rebelde e marxinal, senón que, ao contrario, quería permanecer na miña propia realidade. Por iso non deixei de utilizar ferramentas e métodos similares aos de cualquera empregado administrativo, traballando sempre de maneira rutinaria e coa rutina como foco temático”. 



Unha auténtica declaración de intencións da súa maneira de entender o traballo en arte dende o filtro do traballo da oficina, e viceversa. Deste xeito, o percorrido pola exposición incorpora como fío discursivo tres conceptos clave independentes e complementarios á vez: a noción do tempo, a idea de rutina e por último, un elemento máis escuro e temido dende o mundo laboral, o erro.
Se nesta exposición non tivésemos unhas persoas que nos explicaron todo o proceso e significado de cada obra, quizais non nos decatariamos da complexidade dalgunhas delas. En conclusión, na nosa opinión, foi unha saída moi produtiva e á vez entretida, pero gustaríanos contar con máis tempo, o que foi unha mágoa, pero excursións así pegan a pena.


María Alonso Fernández e Bruno Dacosta Fernández, 2º ESO A.

Ningún comentario:

Publicar un comentario